Thursday 02 de May de 2024

CAMBIO DE DATA: o espectáculo infantil “Cantamos con Rosalía!” chegará a Neda este domingo


Neda súmase esta semana á celebración do Día de Rosalía, unha xornada para pór en valor a figura e a obra da poetisa máis recoñecida das letras galegas. Tras un cambio de data alleo ao Concello, a Biblioteca municipal celebrará o aniversario da poetisa o 25 de febreiro co espectáculo infantil “Cantamos con Rosalía?”, para o que se abre o prazo de inscrición.

No marco do programa “Lesme un conto?”, chega á vila o domingo, esta proposta na que, a través da música, dos xogos, e do baile, o compositor, actor e músico Luis Vallecillo comparte como chegou a Galicia dende o seu Madrid natal, na busca das orixes da autora de, entre outras obras, Cantares gallegos e Follas Novas, auténtica pioneira da nosa literatura. Un proceso de busca no que o actor descubriu e aprendeu a falar e escribir esa ”lingua máxica” que é o galego.

“Cantamos con Rosalía!”, dirixido a nenos e nenas de entre 3 a 10 anos, porase en escena a partir das 12 horas. A actividade, fixada na data en que se conmemora o 187 aniversario da escritora, será totalmente de balde e para participar cómpre anotarse con anterioridade, chamando á biblioteca municipal (teléfono 981 39 02 33). A iniciativa conta co apoio da Deputación da Coruña.